Queridos nenos e nenas, mozos e mozas da catequese, queridas familias:
A educación na fe cristiá é un proceso que podemos dicir que dura toda a vida, porque sempre podemos saber máis de Deus, amalo máis e vivir con meirande coherencia esa fe; pero, aínda que todo isto é certo, tamén o é que hai uns anos de iniciación e de profundización nos coñecementos e actitudes básicos. É o tempo da catequese propiamente dita.
Pero a catequese non é soamente un tempo como preparación para recibir un sacramento. Por eso non é certo o que algúns pais dinlle aos fillos: “Agora que xa fixeches a primeira comuñón non che fai falla volver á catequese. Agora atende a aprender matemáticas, lingua, ciencias sociais, para facer unha boa carreira. Iso é o que conta”.
Certamente non podemos estar de acordo con esta maneira de pensar de algúns pais. A educación e a vivencia da fe é un camiño progresivo ao largo de toda a vida, Non é un camiño de dous ou tres anos que remata na primeira comuñón.
Se xa aprendemos na familia, nas clases de relixión e na catequese de anos anteriores que Xesús é o noso gran Amigo capaz de dar a súa vida por nós ¿quen non quererá coñecelo mellor para querelo máis e parecerse máis a Él á hora de pasar polo mundo facendo o ben coma Él?
Agora, que empeza de novo a catequese na parroquia, é o tempo de mandar aos fillos para que continúen crecendo e madurando na súa fe cristiá. Nela aprenderán a coñecer mellor a mensaxe de Xesús, procurarán interiorizar as actitudes e valores que Él nos ensinou no evanxelio, participarán con gozo e ledicia na celebración da Eucaristía.
E vos, pais, tamén é bo que participedes con eles. A vosa presencia sempre é un bo exemplo para que se sintan estimulados no crecemento na súa vida cristiá. Esta preocupación é sen dúbida algo moi valioso para os vosos fillos. Axudarlles a crecer na fe é un compromiso que tedes como pais e tamén un ben para eles. Coñecer a fe, vivir a vida cristiá non fai dano e axuda a ser persoas de ben.
Para levar a cabo a formación cristiá na catequese temos a axuda dos libros chamados “catecismos”. Este ano estreamos un novo titulado “Testigos del Señor”, que despois do de “Xesús é o Señor” quere seguir axudándonos a coñecer mellor os contidos da nosa fe, a celebrala, a vivila e a testemuñala. Vai destinado principalmente aos mozos e mozas de 10 a 14 anos. Aínda que nel, algunhas cousas xa soan de anos anteriores, temos que seguir dando algúns pasos máis para que a nosa fe tamén vaia medrando ó longo da nosa vida.
Un catecismo, ademáis de ser un resumen dos contidos da fe á medida de aqueles aos que vai destinado é un instrumento de traballo para ir medrando na educación da fe.
Será labor de sacerdotes, catequistas e pais usar e ensinar a usar este novo cate-cismo en todas as súas posibilidades, non quedándose só en aprender unhas preguntas ou en mirar e colorear unhas imáxes. É importante que os nenos e mociños o acollan con cariño, o usen con gusto, o coiden e conserven con agarimo para que lles axude a ser mellores seguidores de Xesús e testemuñas da súa fe na vida.
Este ano na catequese temos un lema: “Descubre a tenrura de Deus. Participa na catequese”. É un lema que quere axudarnos a aumentar uns coñecementos, pero sobre todo a medrar no AMOR a Deus e aos demáis.
Así estamos en sintonía co Papa Francisco que proclamou este ano o xubileo da MISERICORDIA. O ejemplo de Xesús abrazando con infinita tenrura aos nenos e maiores, dicindo: “Deixade que os nenos se acheguen a min”; desculpando a todos cando dicía: “Quédanche perdoados os teus pecados” ou “Pai perdóalles porque non saben o que fan”; presentando a Deus como o Pai cheo de tenrura que acolle con bágaos e festa ao fillo que se foi da casa, anima a crer máis e mellor para achegarse con amor a Él.
Oxalá que, coa colaboración de todos e coa axuda do Señor, teñamos un bo curso no traballo da educación da fe nas parroquias.
Con moito agarimo,
Os Secretariados de Catequese de Galicia.
Unidos en familia con Xesús
Puedes descargarte la Carta aquí
Publicar un comentario